2Pequeno macizo granítico prelitoral no sudoeste do municipio d´A Estrada (Pontevedra), delimitado ao norte polo río Ulla e ao sul polo Umia na zona centro occidental de Galiza.
A partir dos últimos núcleos de poboación e dos agros, sobre os 350 m de altitude, xorde o monte cuxos cumios máis elevados acadan 650 m. A cuberta vexetal e a orografía diferencian dúas zonas:
1. Primeiramente unha faixa irregular, dos 350 aos 450/500 m, na que predominan formacións boscosas, orixinariamente constituídas por bosques mixtos de piñeiro e frondosas autóctonas, que na actualidade teñen ao eucalipto como especie dominante.
2. A partir dos 450 m, coincidindo coa metade alta das abas, as chairas dos planaltos (>500 m) e os outeiros nos que xa xorden afloramentos rochosos, aparece o monte raso desarborizado con matogueira formada por comunidades de toxo.

Ten un clima hiperhúmido (cunha precipitación anual acumulada de 1.900 mm ) e tépedo (a temperatura media anual é de 12ºC) e un período de actividade vexetal de 11 meses (só a media de xaneiro é inferior a 7,5ºC). Solo granítico normalmente fondo (salvo os outeiros) e moi ácido (necesita achegas de calcio e fósforo como nutrientes fundamentais), cunha alta porcentaxe de materia orgánica que favorece a estruturación do mesmo.


Produción de biomasa

3É un monte, pois, con boas condicións -altitude, clima e, en parte, solos- para a xestión forestal co obxectivo de obter madeira de calidade, sobre todo nas abas, e cunha excelente facilidade para empradizar e manter pastos a maior parte do ano. Nos solos máis estruturados e fondos, a acumulación de biomasa aérea estimada en comunidades de toxo pode chegar a 12 t/ha/ano durante os 4 primeiros anos.

Para os Modelos Estándares de Combustible (do NFFDR, USA) a maior extensión do noso monte pertence ao modelo 4: comunidades homoxéneas de toxo que a apartir de 5/ 6 anos acadan 2 m de altura e cargas que poden superar 50 t/ha de materia seca.

 

Estrutura e réxime de propiedade
A propiedade agraria caracterízase por un minifundio con excesiva parcelación e xeneralización da titularidade, realidade que tamén se estendeu á propiedade do monte.
O Cabalar era un monte en réxime de propiedade comunal, entre 1870 e 1920, coincidindo coa loita antiforal, realízase un proceso de partición que permite a privatización do comunal ampliando a base territorial de cada explotación familiar e permitindo un aproveitamento máis intenso e directo do monte.
Hoxe ten un réxime de pequenas propiedades particulares: para as 600 ha estímanse 3.600 propiedades (cunha media de superficie de 0,16 ha) de máis de 1.000 propietarios, dos cais, aproximadamente, dous terzos son absentistas.