A pesar das inxentes dificuldades, hoxe Monte Cabalar é unha experiencia xa consolidada de xestión cooperativizada da terra, de desenvolvemento dun sistema agroforestal para a recuperación de monte en abandono e de constitución de unidades de xestión forestal. Nese senso temos claro que Monte Cabalar era unha experiencia que, máis tarde ou máis cedo, acontecería. Confirmamos esta tese na excelente acollida que en xeral ten e no valor que representan os seguintes aspectos:
Abriuse un importante diálogo social na zona, que aínda perdura, cunha elevada participación e implicación da xente, no que se ten feito reflexión sobre temas determinantes hoxe no rural: a propiedade, o abandono, o asociacionismo, o futuro, etc.; e que, en todo caso, nos ten permitido chegar até aquí.
Integráronse na cooperativa máis de 330 soci@s, que participan a diferente nivel na vida cooperativa. Residentes que viven día a día a transformación do monte e non residentes que atopan un motivo para reencontrarse coa zona.
Fíxose un importante investimento de capital público a través do convenio subscrito coa Consellaría de Medio Rural, e de capital privado, en forma de participacións ao capital social, para un monte e unhas propiedades que se daban por perdidas.
25Monte Cabalar é hoxe un referente que vén actuando como punto de encontro, de transferencia de tecnoloxía e de experiencias en temas como valorización de montes, silvopastoralismo ou gandaría en extensivo. Recibe visitas técnicas de comunidades, propietarios, particulares, escolares, etc. Colabora con outras iniciativas, divulga a experiencia, imparte charlas, participa con comunicacións en xornadas técnicas e congresos en Galiza e noutras comunidades. Colabora co CIAM de Mabegondo e co CTC en melloras de pasteiros, manexo de gando e mellora de canais cárnicas de equino, e co centro de Lourizan en avaliación de biomasa e queimas prescritas.
A descuberta de recursos humanos que estaban durmidos, activos fundamentais en calquer proceso innovador, e a súa valiosa incorporación ao traballo social que realiza a cooperativa.
A boa acollida, a nivel local e supralocal, dos produtos da nosa explotación que, ás veces, é máis polos valores engadidos que representa que polo produto en si mesmo, reforzando simultaneamente a promoción dos estándares de calidade, asociados á produción tradicional e ecolóxica, entre os propios socios, a nivel local e en xeral, ao adoptalos desde o primeiro momento como propios.
Recuperouse o importante uso social do monte, neste tempo levan subido, despois de décadas, boa parte de propietarios e veciños resultando sempre unha gratificante visita, ampliándose cada vez máis a veciños doutras parroquias e doutras localidades.