17O modelo de xestión , aínda que poida semellar innovador, consiste, non obstante, na recuperación do equilibrio agroforestal tradicional con base, outra volta, nun sistema complexo ou multifuncional que vira en torno ao silvopastoralismo.
A diferenza radica en que dantes, o sistema estruturábase a partir da casa de labranza e do agro e estendíase progresivamente en función dos cultivos, dos aproveitamentos e do relevo, por canto era un sistema teselado con unidades agrícolas, pascícolas e arboradas ben estruturadas espacial e funcionalmente. Agora, no sistema desenvolvido por nós, dirixido a xestionar o abandono e sen entrar en competencia coas explotacións existentes no agro, o sistema agroforestal invértese e estrutúrase desde a explotación extensiva asentada no monte, sobre os 500 m de altitude, e esténdese progresivamente, en función do abandono, até os agros, realizando o aproveitamento forraxeiro naqueles que ficaron a inculto.
Estratifícase, logo, en tres niveis diferentes con características e obxectivos específicos.

1º Nivel: explotación gandeira en extensivo sobre a cota 500

18Organizouse o aproveitamento gandeiro –un sistema de silvopastoreo, entendido como xestión de monte, sen cuberta arbórea- en máis de 700 ha valadas de monte sen actitude forestal sobre a cota 500. Prodúcese carne ecolóxica (cuxa certificación está en tramites) de bovino, equino, caprino e porcino, nunha explotación de gandaría extensiva con pastor.
Os socios achegaron os dereitos de uso da terra a través de contratos de cesión e o capital para o gando a través de achegas voluntarias de capital social en participacións que van dos 100 aos 3.000 €. Cooperativízase a explotación, cuxa xestión executa o Consello Reitor a través dun director técnico e dun equipo de traballadores. O retorno cooperativo atribuirase nun 40% para a cesión de uso da terra e nun 60% para o capital social.

 

 

19

 

Realizáronse diferentes infraestruturas e intervencións, as obras iniciáronse en decembro do 2006 e rematáronse ao longo da primeira metade do 2007. A introdución de gando, seguindo as pautas dun programa sanitario, iniciouse en decembro do 2006. Faise pastoreo mixto con rotación das diferentes especies facendo aproveitamento complementario dos pastos arbustivo e herbáceo en monte aberto. No tempo transcorrido pode observarse o control que exerce o pastoreo sobre a biomasa. Parellamente mellorou o hábitat para especies cinexéticas, observándose unha clara expansión do coello.

 

 

 

2º Nivel: xestión forestal nos bosques de ladeira, 350 / 500 m de altitude

20Consiste na ordenación e xestión forestal progresiva dunha superficie de 740 ha de propiedades particulares con aproveitamento silvopastoral dos bosques de ladeira para a produción forestal e cárnica.

Cooperativízase a planificación, a xestión forestal e a realización dos traballos a través de convenios entre a cooperativa, como unidade de xestión, e os propietarios. A produción forestal final, dependendo das zonas e do valor inicial estimado da masa arbórea, estará vinculada directamente á propiedade, ou ben, á porcentaxe que o propietario achegue á superficie en xestión. En todo caso, á produción repercutiránselle os gastos de xestión. A explotación forestal conxunta desta superficie permite:
Iniciar unha xestión forestal sustentábel nunha extensión significativa, con obtención de certificación forestal, que contribúa a crear patrimonio forestal.
Optimizar os traballos e investimentos, a produción e a calidade dos recursos forestais e o proceso de comercialización.
Apoiándonos na explotación gandeira que se sitúa sobre a faixa forestal, desenvolver un sistema de silvopastoreo como método de control do sotobosque e de aproveitamento complementario evitando as rozas mecanizadas.
Realizar inventarios que permitan organizar o reagrupamento parcelario entre propietarios.
Fomentar a formación silvícola dos propietarios.
Elaborouse un Proxecto de ordenación forestal no que se planificou a xestión: infraestruturas, rozas, reforestacións, rexeneración de bosques, tratamentos silvícolas, certificación forestal, corta e extracción de madeira, silvopastoreo e outros usos complementares.

A xestión forestal e as UXFOR
Desde a constitución viñemos desenvolvendo o concepto da unidade de xestión forestal, anticipándonos no tempo á creación das UXFOR. A partir da publicación do decreto que as regula e para dar cumprimento ao noso obxecto social, promovemos a súa creación en cada unha das parroquias partindo inicialmente das superficies forestais que xa está a xestionar a cooperativa. Por acordo unánime da asemblea xeral, decidiuse integralas organicamente dentro da cooperativa como socio na súa condición de persoa xurídica, valorando a posibilidade de constituír dentro da cooperativa unha sección forestal cun regulamento específico para a xestión das mesmas. Nestes momentos está plenamente constituída a UXFOR A Coviña na parroquia de Somoza.


3º Nivel: recuperación da superficie agrícola abandonada
Parellamente iniciouse nas 4 parroquias a recuperación de terras agrícolas abandonadas para a obtención de herba seca como complemento da explotación gandeira en extensivo e para acabado dos becerros. Este ano fixéronse os primeiros cultivos de millo para obtención de forraxe como complemento, prevendo a ampliación da superficie e da variedade de cultivos (cereais, leguminosas...) para produción de penso ecolóxico. Cooperativízase a explotación destas superficies a través de contratos de arrendamento entre os propietarios e a cooperativa.
Para culminar este proceso integral de recuperación e desenvolvento rural estúdase a viabilidade doutros proxectos como poden ser a transformación de produtos agrogandeiros e forestais, o aproveitamento enerxético da biomasa, etc.