12A acción colectiva permitiu acadar o compromiso da Administración, retroalimentando así o propio proceso, e a converxencia de diferentes intereses que se complementan nunha complexa estrutura de oportunidades con capacidade de satisfacer a todos e cada un dos actores: produtivistas que ven superficies recuperadas, o individualismo agrario que recupera, identifica e ordena a propiedade,  ecoloxistas, ruralistas, consumidores, paisaxistas, cazadores, ecoturistas, veciños, etc. Estrutura de oportunidades que é síntese da dialéctica xerada entre a acción colectiva e as tendencias sociais actuais.

 

 

Oportunidade organizativa: o cooperativismo

Modelo endóxeno instrumentalizado por un sistema cooperativo aberto –cooperativa de explotación comunitaria da terra-, de carácter integrador no que poden participar a totalidade dos afectados directa ou indirectamente. Modelo, entre outros, que resolve a ecuación basilar: propiedade fragmentada e xestión integral; que resolve proporcionalmente, a través do retorno cooperativo, a participación voluntaria de cada socio; que resolve a fragmentación territorial dun monte partillado por catro parroquias con conflito de intereses, tratándoo como un ecosistema integral.


Oportunidade do modelo de xestión

Cadrando coa crise do agrosistema industrial (pensos hormonados, vacas tolas, transxénicos), cadrando coa intensificación dos desequilibrios ocasionados polo comercio agrario internacional, encarecemento da enerxía e insumos; e, doutra banda, coa preocupación dos consumidores pola calidade e autosuficiencia alimentarias, resulta totalmente oportuno, e mesmo didáctico, que, entre nós, un proxecto cooperativo tan dimensionado desenvolva un modelo de xestión que recupera o equilibrio agroforestal tradicional despregando un sistema multifuncional cuxa sustentabilidade se fundamenta na extensificación e no silvopastoreo.


Oportunidade económica

13

Modelo de valorización do monte  e de recuperación da propiedade perdida que incorpora un monte abandonado aos circuítos de produción, cun obxectivo produtivo de rendibilidade económica a medio prazo, con capacidade de fixación de emprego e baseado no principio da economía social con capitalización a través de achegas voluntarias dos socios, con redistribución do retorno cooperativo en concepto de anticipo laboral, rendemento da terra e do capital social, e con investimento en formación, investigación e divulgación.

 

 

Oportunidade ecolóxica

14O abandono da actividade xunto ás alteracións introducidas no modelo forestal crearon unha secuencia cíclica –biomasa, lume, erosión- que provocou o colapso do ecosistema. Fronte a grandes masas de toxo e eucalipto, a recuperación e ordenación dun macizo de 1.200 ha, co obxectivo de gañar a batalla do lume e manter os estándares de produción en ecolóxico, abre unha oportunidade de xestión do territorio que favorece a biodiversidade, a mellora ecolóxica, ambiental e paisaxística.

 

Oportunidade social

Detrás deste proceso subxace un contexto de reaxustes estruturais no sector primario e de mudanza social, perante o cal Monte Cabalar constitúe o ensaio pioneiro dun modelo. Modelo que empatizou cos propietarios e residentes ao abrir a oportunidade de volver a recuperar o monte, mais tamén cos propietarios non residentes ao acharen un motivo de reencontro coa terra, coa satisfacción –redimidos agora da angustia pola perda da propiedade- de poderen participar, aínda ausentes, con capital e coa superficie correspondente ás súas propiedades, independentemente de onde se localizaren fisicamente, nun aproveitamento conxunto a través da explotación cooperativizada.