11Estes factores no seu conxunto asentaron unha conciencia colectiva de crise, de fin dun ciclo, incardinada, por súa vez nunha perspectiva xeral de mudanza social, o que predispuxo favorabelmente á comunidade para iniciar un diálogo social e tratar o problema con obxectividade. A necesidade evidente de desenvolver unha acción conxunta compensou a tendencia ao individualismo agrario; o compromiso de actuar cada quen sobre a súa propiedade transformouse, cunha perspectiva máis ampla, nun compromiso colectivo co medio e, para axilizar as decisións, favoreceuse nas familias o cambio xeracional. En maio do 2006 xerouse nas comunidades un proceso participativo, de deliberación colectiva, con pluralismo de actores, socialmente vertebrador e integrador, procurando un cambio que afecta á comunidade en xeral. Asumiuse colectivamente o seguinte axioma: os recursos están no medio, en nós a capacidade de habilitar instrumentos para xestionalos, e creouse opinión actuando como un grupo aperturista con capacidade de presión perante a propia comunidade e a Administración. Creáronse así as espectativas necesarias que favoreceron a toma colectiva de decisións.