10

No Cabalar reproduciuse a estrutura minifundista: pequena propiedade fragmentada en ducias de pequenos leirachos que no sistema tradicional garantían a cada descendente a subsistencia ao permitir a diversificación de cultivos nunha práctica de autoconsumo na que había disponibilidade de man de obra e accesibilidade plena á terra porque o traballo pivotaba sobre o corpo, sen as restricións que foron impondo as dimensións das máquinas.

No proceso de modernización da agricultura, o minifundio dificultou a profesionalización ao limitar o axeitado dimensionamento das explotacións. Hoxe, desde unha perspectiva gandeira, perante a tendencia á extensificación para abaratar custos, mellorar calidade de produtos e de vida do agricultor, de novo constitúe un freo. Limita a mecanización do traballo, encarece o proceso produtivo, couta a produción e impide que as explotacións individuais sexan competitivas cuestionando a súa sustentabilidade. Este feito aínda se acentúa no monte a causa da distancia, dos accesos e do empeoramento das dificuldades orográficas.

 

 

Réxime de propiedade e absentismo
Con orixe no sistema de partillas, mantense un réxime de propiedade baseado na xeneralización da titularidade, de xeito que case un terzo da poboación ten propiedades rústicas. Mais a maioría dos propietarios é absentista, reside en pólos distantes dedicándose a outras actividades, son incapaces de xestionar as súas propiedades, desentendéndose ou renunciando a facelo, co correspondente prexuízo particular e colectivo, e, na maioría dos casos, descoñécenas.
Amais dos aspectos xa comentados, o efecto combinado de abandono, minifundio e incendios, agora por imposibilidade de identificación , está a provocar unha perda de facto da propiedade que no monte xa é total.

O fracaso do esforzo individual
Aínda manténdose esforzos de particulares por xestionar as súas parcelas, o monte actúa como un ecosistema integral con dinámicas (solos, relevo, ecoloxía versus produción...) que sobardan o nivel das parcelas e acadan o equilibrio no seu conxunto; a xestión do monte, ademais, presenta elementos totalizadores que neutralizan a viabilidade de xestións fragmentarias: uso de maquinaria pesada e cara, necesidade de infraestruturas difíceis cun mantemento custoso, dificuldade nos accesos, necesidade de vixianza e protección fronte ao lume, ataques e pragas. A ordenación forestal sustentábel, xa que logo, implica unha xestión conxunta
Na práctica, a descrición feita vén a cadrar cunha situación de terras en mans mortas, á marxe do mercado e dos circuítos de produción. Necesítanse, pois, instrumentos desamortizadoras que faciliten a mobilidade da terra.