6

A transformación, iniciada a fins dos 60, do agrosistema tradicional nun agrosistema industrial baseado na intensificación e na mecanización, xunto á dificuldade orográfica, levaron a desaproveitar a alta capacidade produtiva dos montes. O primeiro en abandonarse foron as zonas altas de menor aptitude forestal, posteriormente o abandono chegou tamén aos bosques de ladeira, ás fragas e aos agros. Como solución, en parte, optouse pola intensificación, sen criterios de ordenación, da produción forestal coa introdución de especies pirófitas creando grandes masas monoespecíficas, en xeral, sen xestión do estrato arbustivo. O abandono rompeu, así, o equilibrio entre capacidade de produción de biomasa e o control da mesma, que pasou a acumularse en forma de carga combustíbel.

 

 

O ciclo do lume

7

A consecuencia máis grave da paisaxe do abandono, alén do desaproveitamento de recursos e da imposibilidade de identificación da propiedade, foi a aparición dos incendios. Acumulada carga combustíbel, é cuestión de tempo que xurdan as condicións óptimas –deshidratación, altas temperaturas, ventos e, necesariamente, o polémico punto de ignición- para que se produzan incendios. A sorprendente capacidade de recuperación dos montes galegos permitirá nuns poucos anos novas acumulacións de biomasa, estabelecéndose así o ciclo do lume a xeito dunha espiral que cada vez que pasa faino acrescentando maior degradación dos solos, ambiental e paisaxística, alternando dese xeito as paisaxes do lume e da erosión na destrución da propiedade e dos recursos.

8

O balance contábel non podía ser máis desastroso, á falta de produtividade consecuencia do abandono e ás perdas  provocadas polo lume, aínda temos de sumar un custo tremendamente elevado para a Administración: cortalumes, gardaría forestal e medio ambiental, prevención e extinción, mantemento de infraestruturas, etc; e, parellamente, dificúltase o uso social e a expansión de sectores actualmente dinámicos vinculados ao ecoturismo.

 

 

 

 

O abandono da actividade agraria e do rural

9Detrás do abandono do monte chegou progresivamente o do agro. Na campaña 1995/96 había na parroquia de Arca 60 explotacións. Na campaña 2006/07 quedaban 12 explotacións en activo; delas, 4 non tiñan actividade económica, 6 eran de autoconsumo (2.500/15.000 kg de cota); 2 podíanse considerar produtivas, unha de 61.000 kg e a maior de 97.000 kg, que pechou no 2008. Das 8 con produción, 7 tiñan como titulares unha muller, sendo, pois, actividade complementaria e non principal da unidade familiar.

En conclusión:

• Non hai explotacións en expansión nin perspectiva de relevo nas existentes.
• O abandono da actividade agraria achega agora as cargas combustibles e os incendios aos núcleos.
• Mantense a residencia con 1.066 censados en Somoza, Tabeirós, Nigoi e Arca por proximidade a A Estrada e ao eixe Santiago-Vigo, aínda que con carácter residencial e desvinculados da agricultura
• Nas parroquias máis afastadas (Souto) a densidade de poboación é de 25 hab./km2, predominando núcleos regresivos con perda maior ao 20% nos últimos 15 anos. Poboación avellentada cunha idade media de 64 anos e sen posibilidade de reemprazo xeracional.